viernes, 24 de abril de 2020

FP Básica I - Martes, 28 abril de 2020.

Bos días!



James Abbot McNeill Whistler – “Composición en gris y negro nº1” (1871, óleo sobre lienzo, Museo d’Orsay, París)


Voltamos a repasar as figuras literarias. Se tedes algunha dúbida podedes voltar a ver o vídeo ou mandarme un correo electrónico.

Aliteración: Repetición de sons que evoca un significado.

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosque.

                                  (Uxío Novoneyra)

Anáfora: Repetición da mesma palabra, xeralmente ao principio do verso ou do enunciado.

Adios, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.


                                  (Rosalía de Castro)

Antítese: Oposición de ideas contrarias.

Aquil que fun non son, por iso estamos 
xuntos os dous. Aquil que entonces era
coma un río fuxiu, pero quedouse
coma o río que pasa e sempre queda.

                             (Celso Emilio Ferreiro)

Hipérbato: Alteración da orde sintáctica habitual da oración.

Fai ti, Virxen divina e sonorosa,
que o canto meu o esquecemento dome.

                              (Eduardo Pondal)


Hipérbole: Esaxeración dunha idea.

Mollo na propia sangre a dura pluma
rompendo a vea hinchada.

                           (Rosalía de Castro)

Metáfora: Identificación dun termo real por outro imaxinario.

Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, centila e escurece,
cala, aborrece a mentira.

                      (Manuel María)


Paralelismo: Repetición de palabras, frases, versos ou estructuras sintácticas. 

- Digades, filla, mía filla velida,
por que tardastes na fontana fría?
- Os amores ei.
- Digades, filla, mía filla louzana,
por que tardastes na fría fontana?
- Os amores ei.

                                                      (Pero Meogo)


Exercicio práctico.


1.- Localiza no seguinte poema de Rosalía de Castro algunhas figuras literarias:

Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.
Desque te quixen, ingrato,
todo acabóu para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei qué quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir.
Nin eu teño mais que darche,
nin ti máis que me pedir.

                                 
                                Rosalía de Castro


Feliz martes!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

2ºB Valores - Semana 15-19 de junio de 2020.

¡Buenos días!                                                                                                                               ...